lunes, 25 de noviembre de 2013

LIBRO IV DA ILIADA

VERSIÓN RÍTMICA EN GALEGO POR:

RAMÓN RODRÍGUEZ TABOADA



AUTOR DOS DEBUXOS:

NICOLÁS GONZALEZ ALLER


Canta, musa, a ira de Aquiles o de Peleo,
ira mortal, que deu ós aquivos tanto de duelos
e almas moitas valentes alá arroxou ós infernos
de medio deuses, ós que deu por pasto ós cadelos
todos e paxaros; e cumpríase de Zeus o acordo,
dende a vez que primeira discordes se departiron
o Atrida, señor de mesnada, e Aquiles fillo do ceo.

---------------------------------------------------------------------

Os deuses nestas diante Zeus celebraban xunta en estrado
pousando de ouro; alí mocedade soberana ás maos
néctar lles escanciaba; con que eles os cálices áureos
alzaban en salve entre si, a cidade de Troia mirando.
Que ó punto o Crónida Zeus a deusa Hera en escarnios
tentaba de provocala, de esguello pullas botando:
Dúas son, dúas, as deusas que asisten a Menelao,
Hera a Argiva e Atena a gardadora de asaltos;
mais elo é que elas as dúas, sentadas lonxe mirando,
contentas están. E ó outro Afrodita sorrinte, entre tanto,
sempre ó lado o para, e del espanta mal fado;
como agora que, xa que por morto se daba, puxo a salvo.
Foi a victoria eso si, pro guerreador Menelao.
Nosoutros por onde a cousa vai ir vaiamos pensando,
se é que outra vez mala guerra e inda barafunda de espanto
vamos alzar, ou poñer amizade entre ámbolos bandos.
Que, si esto a todos lles prace e vén a ser do seo grado,
¡viva en paz a cidade de Príamo o bo soberano,
e que a Hélena belargiva lévese á vez Menelao!
Tal dixo; e refungando Atena e Hera quedaron,
que xuntas sentadas, desgracia tramaban ós Troianos.
Ven que Atenea calada quedou, e de falar se retraio,
con Zeus seu pai moina, de fera ira tremendo.
Mais Hera, non coubo no seu peito a ira, e dixo ben alto.
¡Crónida o mais mala fe!, ¿qué voz botas aí dos teus labios?
¿Cómo é que queres deixar sen logro e van o traballo
e o moito suor que suei no afán e cansei os cabalos,
xuntando exército nas ruínas de Príamo e os do seu ramo?
¡Faino!: de verdade, non tódolos deuses aí te aprobamos

Que, en fondo suspiro, díxolle así Zeus pastor de nubrados.!
¡Endemoñada!, ¡qué Príamo nin fillos de Príamo dano
tanto che fan a ti, que estás sen tregua anhelando
desarrasar o recinto de Íleo ben asentado?
Que cando ti polas portas e altivos muros entrando,
cru a Príamo e ós fillos de Príamo teñas tragado
e ós troianos demais, poida que encontre a túa ira descanso.
¡Fai como queiras!, non vaia despois a ser este caso
entre ti mais eu motivo de grande pelexa entre ambos.
Pero outra cousa che digo, e ¡ti teno nas mentes gardado!:
Cando tamén con ansia arrasar eu quixera ,poñamos por caso,
cidade onde teñan nación señores ben do teo grado,
¡non vaias a miña ira querer demorar, senón déixame paso!
Pois eu tamén contra o meo corazón cédoche de grado.
Que, cantas debaixo do sol e o firmamento estrelado
cidades viven poboadas de terreais humanos,
de todas tiña a miña alma á santa Íleo en cargo
e a Príamo e á xente de Príamo ben armado;
pois nunca ó meu altar faltaba a ofrenda xusta de vaso
ou de fume de sebo; que tal é o don que nosoutros tocamos.”
Ó que Hera a de ollo boiuno ó punto foi replicando:
Tres cidades, de certo, entre todas amo e amparo,
Argos a unha, e Esparta e Mucena pórticos-claros:
¡Esas derrúe, de que odio che entre de elas ou asco!:
non che me poño por elas diante nin fago reparos;
que, aínda se estorbo che poño e de derruílas te aparto,
tampouco estorbar-che-lo podo: pois ti es moito mais alto.
Mais non é de deixar tampouco sen logro e fin meo traballo:
Pois son tamén unha deusa; e de onda o teo, o meo ramo;
e inda filla primeira son de Crono o menterresabio,
un, polo nacemento, e despois, porque dona me chamo
túa, e ti tes en tódolos inmortais reinado.
Ben, pois en tales cousas un a o outro cedamos,
eu a ti e ti a min e os outros inmoribundos tras ambos
ben seguirán. Pero ¡pronto, a Atenea dálle o encargo
de que entre a atroz barafunda de Aqueos e de Troianos,
e tente de cómo os Troes aos sobrínclitos Dánaos


rompan primeiro a fe e xuramento facéndolles dano!”
Tal dixo; e o pai de homes e deuses fíxolle caso,
que ó punto a Atenea faláballe así con verbos alados:
¡Rápida vai entre Troianos e Aqueos ó medio do campo,
e tenta de cómo os Troes aos sobrínclitos Dánaos
rompan primeiro a fe e xuramento facéndolles dano!”
Falándolle así, ó que ela quería empuxáballe a Atena;
con que de un salto botouse de Olimpo abaixo das crestas,
e, como envía o fillo do torvo Crono un cometa,
ou pra mariños prodixio ou a vasto exército siña,
resplandecente, e moitas del chispean centellas,
a el semellante, á terra deu salto Pálade Atena.
E deu na metade, e pasmo tomou ó mirala e sorpresa
a Troes poltridomantes e Aqueos firmes-de-grebas,
que, ó velo, así un deles diría a outro de cerca:
A fe, que outra vez mala guerra vai a haber e crúa refrega,
ou que amizade entre ámbolosbandos quere poñela
Zeus, que ós homes por cargo élles tesoureiro de guerras.”
Así de Aquivos e Troes ó caso algún deles dixera.
Mais ela na turba Troiana entrou, en traza semella
a un home, a Laódoco, o fillo de Antenor, lanza senlleira,
na busca do par-de-deus Pándaro, haber se alá con el dera
topouno, o de Lucàon, arqueiro sen tacha e de fortaleza
en pe, e ó seu derredor de escudos fortes fileiras
de xentes que dende o Esepo do bo caudal o seguiran.
Parando á par súa, en verbas aladas faláballe ela:
¿Pode ser, Pándaro cordiberal, que un punto me atendas?
Ousarás ti a Menelao tirarlle rápida frecha,
e a fe que en tódolos Troes loor e gracias achegas,
e no real Alexandre entre todos sobremaneira:
Dese seguro que sacas primicias de ricas preseas,
en canto que xa ó marcial Menelao Atrida vexa,
caído ó teu tiro, xacer nas lapas mildolorentas.
Pois ¡ea, a túa vira ó alto-en-honor Menelao asesta!;
Mais ¡rézalle a Apolo Lobuno o do claro arco, en promesa
que de primeiros carneiros faraslle espléndida ofrenda,
de volta que estés á patria, na santa cidá de Zelea!”

Dixo Atenea: e convenceuno, tola cabeza:
Que ó punto desenfundaba o pulido arco de corna
de cabrimacho montés saltarín, que un día ferira
el mesmo, posto ó axexo, ó brincar de pena cimeira,
con tiro certeiro no peito, e caeu boca arriba na pena;
que cornos de palmos ben dezaseis lucía na testa;
que os axustou artesán corneiro a doma e tarefa,
e, todos pulidos, púxolle de ouro a abrazadeira.
E o arco agora el, dobregando atrás, apoiando na terra,
tensaba; e diante facíanlle os nobres confrades barreira
de escudos, non deran sobre el as valentes tropas Aqueas
antes de que ó marcial Menelao Atrida o ferira.
Con que el quitoulle a tapa á alxaba, e dela sacou frecha
non usada, alada de pluma, de duelos álxidos prenda;
e logo a amarga vira axustaba contra da corda;
e oraba a Apolo Lobuno o do claro arco, en promesa
que de primeiros carneiros faríalle espléndida ofrenda,
devolta que fose pa patria, na santa cidá de Zelea.
E ó par do boiuno tendón estiraba e a vira na muesca:
A corda arrimou ás tetiñas, ó arco á punta ferreña;
mais, xa que tivo a grande armazón redonda de tensa,
o arco chiou, e zumbou o tendón, e deu salto dereita
a rápida vira, voando a buscar na turba a súa presa.
Mais non se esqueceron de ti, Menelao, os deuses de eterna
vida feliz, e ante todo a filla de Zeus rebañeira;
a cal, plantada ante ti, gardoute da espida frecha;
tan só a desviaba do corpo non mais canto nai que véla
desvía a mosca dun neno que en doce soño resolla;
e dirixiuna a súa vez alí onde o cinto se cerra
con trancas de ouro e a dobre loriga encincha con elas;
que deu no cinto ben-axustado a áspera frecha;
que se meteu polo ben-traceado cinto a travesa,
e inda pola milurdida loriga entrou, e pola preta
malla que a coto do corpo traía, garda que lle era
de tiros quen mais lle amparaba; mais inda pasou entre por ela,
e o gume na pel do home rabuñou a vira punteira;
que ó punto xa da ferida fluíu sangue nublinegra;
e, tal como en grana un liso marfil un ama ou serventa
meónide ou caria tinxiu, pra ser de cabalo orelleira,
e queda na sala gardado, que moitos ben o quixeran
xinetes levar, pero a ser pra un rei ornato se queda,
gala a par ó corcel e gloria a quen a goberna,
tal é a ti Menelao, as firmes nádegas e pernas
e brancos nocellos abaixo a sangue negra tinxira.
Alí quedouse Agamenón señor-de-xentes de pedra,
de que veu da chaga manándolle sangue renegra;
de pedra quedou o marcial Menelao mesmo de vela;
mais, vendo que o nervio e aletas do dardo estaban por fora,
tornóuselle no peito a xuntar a alma de volta.
E en grave xemido falou Agamenón señor-de-cabezas,
colléndolle a man, e xemían con el os amigos en pena:
¡Querido meu irmán!, a túa morte firmaba ó firmar esa tregua,
poñendo que polos Aqueos ti só á liorta saíras;
que así te feriron os Troes, burlando xura e promesa.
Non en van, non, son xuros e sangue de víctimas e esa
pura e feliz libación, en que a fe tíñamos posta.
Que, se de momento Olimpio non a cumpriu perfecta,
mais tarde a cumprirá, e haberán caro pagado a súa pena
cas súas mulleres e nenos e cas súas propias cabezas.
Pois ben sei eu esto no meu corazón e nas entretelas:
Día virá unha vez, que a santa Íleo pereza
e Príamo ó par e o pobo de Príamo lanza-senlleira,
que o Crónida Zeus, o do alto sitial, no ceo que reina,
xa o seu broquel cegador á cara de todos revolva
en odio por esta traizón, e que non sen pagar quede esta.
Pero de ti, Menelao, en min haberá negra miseria,
se morres e aquí da túa vida a cerrarse a conta viñera;
e inda todo culpado ei de irme eu a Argos a milsedenta:
Por certo que logo ós Gregos lles dé por pensar na súa terra,
e a Príamo triunfo deixemos aquí e ós Troes por prenda
a Hélena Argiva, e os ósos de ti que se podran na gleba,
xacendo aquí en Troia, a metade de haber finado a empresa;
e aínda poida que diga un así dos Troes alma-soberbia,
brincando na tumba do gran Menelao gloria-cimeira:


¡Oxalá en todo así Agamenón a súa saña manteña
como agora, que en van aquí trouxo as grandes hostes Aqueas
e logo a súa casa houbo de irse á terra paterna
cas súas naves baleiras e ó bo Menelao aquí deixa!”:
Así dirá algún, e ¡trágueme entonces a basta terra!”
Ó cal Menelao o rufo animándoo dixo na súa pena:
¡Ánimo!: inda a tropa de Aqueos medo non metas:
non se fincou no seu branco a aguda vira, que ante ela
o cinto milurdido póxolle garda, e defensa
por baixo, a malla e loriga que en bronce ferreiros teceran.”
E así Agamenón poderoso faláballe a el en resposta:
¡Oxalá así, Menelao querido, así que elo sexa!
Pero ha de tenta-la chaga un médico, e poña sobre dela
remedios que ben os teus negros dores amortezan.”
Dixo, e faláballe a Taltubio, divino heraldo por estas:
Taltubio, a Macáon ¡aquí chámao o antes que poida,
ó fillo de Asclepio, ó médico que é sen fallo nin erra,
a que ó marcial Menelao Atrida veña e o vexa!,
ó que un perito en arte de arco fireu de frecha,
ou Lucio ou Troiano, honor para el, pa nosoutros gran pena.”
Tal dixo; e, mais nada oír, doulle o heraldo obediencia;
que botou polas tropas a andar de Aqueos fita-bronceña,
polo semideus Macáon mirando. E veu que un era
que estaba de pé, e ó redor de escudos, fortes fileiras
de xente que o seguían de Tricca belcorceleira;
que ante el parouse, e en palabras faláballe voandeiras:
Arriba, Asclepíada!: Agamenón poderoso che roga
ir, que ó marcial Menelao guión de Aqueos o vexas,
ó que un perito en arte de arco feriu de frecha,
ou Lucio ou Troiano honor para el, a nosoutros gran pena.”
Tal dixo; e a el acendíalle no peito brío e querencia;
e botaron polo campo adiante por entre as turbas Aqueas.
Mais, de que chegaron a dó Menelao o rufo xacera
ferido, e con el cantos homes de rango todos en roda,
el por metade, mortal par-de-deus, chegábase cerca;
e ó punto arrincaba do ben axustado cinto a frecha,
que, ó arrastrala pra tras, crebáronse as finas aletas;
mais desatou o cinto milurdido e logo a desfeita,
por baixo , a malla e loriga que en bronce ferreiros teceran;
e, xa que a chaga veu, onde a amarga vira o ferira,
a sangue chupou, e sabiamente remedios untaba sobre dela
benignos, que antano Quirón amigable ó seu pai lle dera.
En tanto curaban así a Menelao bravo-ó-estrondo,
en tanto avanzaron as filas de Troes escudinhestos;
con que eles, mirando a baterse, outra vez as armas cinguiron.
Non viras alí a Agamenón celestial nin tardo nin lento,
nin atrás anicándose nin refusando entrar ó encontro,
non, senón presa á loita-de-gloria-dadora metendo:
Que os cabalos deixou co carro tornibronceño,
que o seu servidor folguexantes íaos a un lado contendo,
Euromendonte, fillo aquel do Piraïda Ptolemeo
(a el lle encargaba levalos ó pé, para cando os seus membros
vencera cansazo de ir en arenga por tantos correndo),
mentres a pé ía el revisando as filas de Aqueos.
Que ós que vía avivar dos Dánaos raudipoltreiros,
a eses con voces, parándose ó pé, dáballe ánimos novos:
¡Arxivos, nin un punto afrouxedes no ímpeto e o esforzo!
Pois non vai ós falsos a darlles apoio Zeus pai noso,
non, senón que eles, que antes crebaron os xuramentos,
a fe que os voitres han de comerse o seu terno pelexo
e as súas donas queridas nosoutros e nenos sen senso
levárnolos pola mar, unha vez que a súa praza tomemos.”
Mais, cantos vía afrouxar da odiosa guerra o intento,
a eses aguilloábaos con enconados insultos:
¡Arxivos babiqueixicas, baldóns!, ¿non hai xa respecto?
¿A qué vos quedades pasmados aí, como crías de cervo,
que, xa que de moita chaira fatigáronse correndo
páranse, e xa nas súas almas non topan brío nin alento?
Así estades vos parados en pasmo, e non combatendo.
¿Ou é que agardades ós Troes que cheguen cerca, hasta o treito
onde están varadas as naves ourela ó mar canicento,
a ver se o Crónida entonces a mao quere tendervos?”
así arengando, ía filas de homes el recorrendo,
e veo hasta os Cretenses, por turba de homes a dentro;
que estaban armándose en torno ó magnánimo Idomeneo,
el en vangarda alí, a xabarín en brío parello:
Meríones ía ás tropas de atrás en marcha poñendo;
que se alegrou Agamenón señor-de-mesnadas ó velo:
Idomeneo, hónrote entre Dánaos raudipoltreiros,
tanto na guerra e tanto en traballos doutro talento
coma no festín, cando están os ardentes viños vellos
os principais arxivos mesturando no gran caldeiro:
pois, si os outros a rolda, os cabaleantes Aqueos,
han de beber, en cambio o teu vaso ante ti sempre cheo
está, como o meu, a beber cada vez que o pida o desexo.
Pero ¿ea, á guerra, a ser como a gloria tes ti o selo!”
Que lle respondía o guión de Cretes Idomeneo:
Atreida, en verdade que eu para ti leal compañeiro
serei, como prometín, e a miña siña din, de primeiro;
pero ¡a outros vai a aguilloar dos cabaleantes Aqueos,
que xa combatamos sen mais, unha vez que o xuro romperon
os Troes!; e morte e mal fado a caer sobre deles ó cabo
virá, que eles antes violaron as treguas e xuramentos.”
Tal dixo; e pasou adiante o Atreida, alegre no seu peito.
E veu hasta os Aiantes, por turbas de homes adentro,
que ían con casco os dous, e a pé nube de guerreiros:
como é cando de unha atalaia nubrado veo un cabreiro,
que a empuxe do Zarragán ven mar a diante movendo
(que, ó velo afastado, inda mais que o piche lle parece de negro
que avanza do mar, e trae consigo turbións de vento),
e xeado quedou, e os fatos vainos a unha cova metendo,
tales con ambos Aiantes de mozos fillos- do-ceo
falanxes marchaban espesas cara o combate cruento,
tal negrexando, ourizadas de escudos e picas sen conto;
con que sentiu Agamenón poderoso gozo de velos,
e faláballe alzando a voz alada de verbos:
¡Aiantes, guías os dous de Arxivos cintibronceños!,
nada a vos ambos (nin é caso arengar) pido nin ordeno:
pois ambos xa ben á xente avivades a loitar a denodo.
¡Oxalá así, pai Zeus e Atena e Apolo, nos peitos
de todos houbera un tal corazón nacido!: con eso
xa a cidade de Príamo rei caería ó momento,
as nosas mans tomada e entrada a ruína e saqueo.”
Tal en falando, alí os deixou, e foi a outros seguindo.
Alí co claro orador dos Pulios daba, con Néstor,
formando as súas compañías e a combater dirixindo
ó mando do gran Pelagonte e Alástor e Cromio e de Hémon
ben-podoroso, e baixo Biante garda-de-pobos:
os montados alí con corceis e carros primeiro,
detrás os infantes habería ordenado moitos e bos,
a ser da loita barreira; e ós viles puxo no medio,
a fin de que todo home á forza loitara, inda non querendo.
ós dos carros primeiro avisaba, e daba consello
de a raia ter os cabalos, e non agolparse a revolto:
¡Nin vaia algún, fiado na súa homada e sentir corceleiro,
só a querer cos Troes loitar por diante do resto,
nin atrás que se volva!: Mais fácil así sería collervos;
e o home que do seu carro alcance a tocar carro alleo,
¡estire a lanza a parar! que así é mais útil e certo.
Con esto tamén os maiores cidades e muros puideron
tomar e arrasar, este ánimo e xuízo levando nos seus peitos.”
Tal o ancián incitaba, de antigo en guerra maestro,
con que sentiu Agamenón poderoso gozo de velo,
e así faláballe, alzando a voz alada de verbos:
¡Ah ancián, oxalá, como o corazón alenta no teu peito,
os membros así te seguiran e o teu vigor fose enteiro!
Mais a común vellez desgástate: ¡así fora vello
outro por ti, e que ti entre os mozos foses de novo!”
Ó cal respondía o xerenio señor, corcélviro Néstor:
Atreida, e a fe que querería tamén eu mesmo, por certo,
ser tal como cando din morte a Ereutalión hi-do- ceo.
pero non todo a vez ós homes os deuses lles deron:
Si entonces era mozote, vellez é hoxe o meu cortexo.
Pero, aínda así cos carros irei, avisando polo medio
co meu consello e palabra, que tal é o don dos vellos;
as lanzas lanzaranas os mais mozos, os que viñeron
mais tarde ca min á vida e fiados van no seu alento.”


Tal dixo; e pasou adiante o Atrida, alegre no seu peito.
E ó fillo de Peteó encontrou, aguilloador Menesteo,
en pé, e a redor, menestrais de liza, os Ateneos;
e inda cerca estaba plantado Ulises milsabideiro,
e os Cefalenes en filas maldesgarrables en cerco
paraban; que inda non se oía a tropa alí e o estrondo,
pois ían recén as falanxes en pé de guerra movendo
de poltridomantes Troianos e Aquivos; con que eles quïetos
estaban, haber si avanzaba ó ataque outro corpo de Aqueos
contra dos Troes e a dar á batalla comezo;
que, ó velos, increpounos Agamenón señor-de-guerreiros,
e faláballes, alzando a voz alada de verbos:
¡Ah fillo de Peteó, do rei criado-do-ceo,
e ti, o ardido en malos ardides, mentelogreiro!,
a ámbolos dous vos toca e é ben entre os primeiros
plantarse, e saírlle á abrasadora lide ó encontro;
pois os primeiros soedes no meu convite a xanta atendelo,
a vez que nos convite ós príncipes ofrecemos:
alí ben vos gusta xantar de dourada carne e a cuncos
trasego do viño facer melidoce, ó voso contento;
e agora veriades con gusto anque fose dez corpos de Aqueos
diante saír de vos á lide e a bronce sanguento.”
Ó cal, mirándolle torvo, faloulle o milastuto Oduseo:
Atrida, ¿qué voces saltaron aí dos teus dentes o cerco?
¿qué dis ti que afrouxamos de guerra aquí os Aqueos,
que contra os Troes a Marte feroz en vela poñemos?
Verás, se o queres e se é que che da coidado de elo,
ó pai feliz de Telémaco entrar ó fronte ó encontro
de poltridomantes Troianos. E ti o que parlas é vento.”
Con que lle falou Agamenón poderoso con xesto risoño,
de que anoxado o veu; e así recollía o inxurio:
¡Laercio o do- ceo-nado, Ulises o milmañeiro!,
nin che regaño, que en ti está de mais, nin nada che ordeno:
pois sei como o teu corazón sabe ben e garda no teu peito
benditos achados; que vai co meu o teu pensamento.
Mais ¡ea, si algo de malo se dixo, arranxémolo
mais tarde!, e ¡fagan os deuses que todo se leven os ventos!”
Tal en falando, alí os deixou, e foi a outros seguindo.
E xa ó Tudeida encontrou, o gran Dïomedes soberbio,
en pé sobre os seus corceis e carro xustitrabeño,
que xunto a el Esténelo estaba o de Capaneo;
e, ó velo, regañoulle Agamenón señor-de-guerreiros,
e así lle falaba, alzando a voz alada de verbos:
¡Aimé, fillo ti do poltridomante árdido Tudeo!,
¿a qué anicarte?, e as pontes da contenda afastado
¿qué miras? Non era así anicarse grato a Tudeo,
senón ó inimigo afrontar por diante dos seus compañeiros,
segundo contan os que en loita o viron, que nunca ó seu encontro
eu fun nin o vin; pero a todos ganaba (din) en eso.
Que é que a Mucenas entrou en son de paz, como hóspede invitado con Polunices o par-de-deus xuntando un exército
(que contra as santas murallas de Tebas ían eles marchando),
e ben lles rogaban de dares apoio con tropa de arrestos;
que darlles querían, e tal o aprobaban como o pediron;
mais Zeus torceuno, mostrando sinal de malos agoiros.
Con que eles xa, que partidos camiño en diante se foron,
chegando ó Asepo, ó fondixuncal, ó longopradeiro,
alí uns Aquivos mandaron mensaxería a Tudeo;
con que el alá foi; e alí encontrouse con moitos Cadmeos,
que na casa de Eteoclés festín estaban facendo;
que o corcelibravo Tudeo, inda sendo alí forasteiro,
non se asustaba de verse el só entre tantos Cadmeos,
non, que a xustar os retaba; e ganaba todos os premios
fácil sen mais: tal brío lle daba Atena e alento.
Mais, anoxados con el, os espoleantes Cadmeos,
xa indo de volta, espesa emboscada ó seu paso tenderon
con mozos cincuenta; e dous ían á cabeza marchando,
Mállon Hemónida, a os inmortais home parello
e o fillo de Autófono, o gran Polufontes guerrifronteiro.
Tudeo tamén a aqueles deulles destino funesto:
A todos matou; e a un só deixaba volver o seu pobo:
A Mállon alá o enviaba, atendendo as sinais do ceo.
Tal era Tudeo o etolio; mais un fillo xa menos bo
pra batalla enxendrou, se mellor nos parlamentos.”
Tal dixo; e nada lle dicía o gran Dïomedes ante elo,
tendo a rifa do rei venerable en xusto respecto;
pero respondíalle o fillo do ínclito Capaneo:
¡Atrida, non mintas, sabendo dicir o que é claro e certo!
Nosoutros o ser mellor cos pais a gala temos:
Nosoutros tamén de a sete portiza Tebas o cerco
tomamos, levando á recia muralla exército menos,
fiándonos ó socorro de Zeus e as sinais do ceo;
que eles, a mais, pola súa altaneria ó fin pereceron.
Ó cal mirándolle torvo, faloulle Dïomedes altero:
¡Llallo ,estate calado e ás miñas razóns atento! Pois non lle reprocho eu a Agamenón pastor-de-guerreiros
que vaia aguilloando a loitar ós bengrebados Aqueos;
que en elo gran gloria lle seguirá, si Aqueos a Teucros
destrúen a morte e toman a santa Íleo e os seus templos,
e en elo gran duelo tamén, de quedar desfeitos os nosos.
Pero ¡ea, tamén ti mais eu ó férvido ataque guiemos!”
Dixo, e sen mais do carro saltou coas armas ó chairo;
e o hórrido bronce, ó botarse el a andar, retumbou contra o peito
do adaíl: hasta a un moi bravo entráralle medo.
E tal como cando en cantil sonoroso inchada ondaxe
álzase, movido ós sopros do Zarzagán incesante
(primeiro encréspase alá na alta mar, mais, xa que se abate
rompendo na costa, rebenta en fragor, e en torno enroscándose
ós escollos, encímase e cuspe broza de mares),
así se movían escuadras de Dánaos incesantes
a guerra sen tregua. E ben cada xefe daba ás súas partes
ordes, pero os outros calados ían; e ninguén
pensara que tantos homes de voz en peito avanzasen,
quedo que ían; temendo ós seus guías; e armas de esmaltes
e bronces en todos brillaban, segundo marchaban avante.
Mais os Troianos, tal como ovellas nos corrales
de rico facendado, a muxa de branca leite, a millares
están, sen cesar berreando, ó oír os carneiros balándolle,
así o alalá dos Troes alzábase o campo adiante;
que non era de todos igual o rumor nin unha a linguaxe,


senón mesturados en linguas, e milnombradas as partes.
E a aqueles Atena oxigarza moveu (movía a estes Ares)
e Medo e Espanto, e Porfía a da furia implacable,
de Ares sanguento-de-homes irmán e compaña constante;
a cal de primeiro pequena se encrespa, e logo adiante
a fronte no ceo cravou, finca na terra os calcañares;
que tal ela entonces armou na metade eterno combate,
por entre a turba avanzando, alentando estrondos e aies.
E unha vez que eles chegaron nun mesmo treito a encontrarse,
pegaron broquel a broquel, lanza a lanza e coraxe a coraxe
de cotibronceños guerreiros; e, os escudos bombantes
ó entre chocar, retumbando que daba estrépito grande.
Alí ó par queixido oíase e grito triunfante
de homes matando e morrendo; e corría á terra de sangue.
E, tal como dous torrentes que po-los montes atallen
veñen á conca común a arroxa-las augas puxantes,
de mananciais crecidas, ó fondo de barrancales,
e oe de lonxe o estrondo pastor que nos páramos pace,
así foi de eles a grita e a loita ó ir a encontrarse.
E Antíloco foi o primeiro en matar Troiano notable,
ó Talusiada Equepolo, valente entre os comandantes:
Que a tiro feriuno na crista do casco crinitremante;
e fincóuselle na fronte, e pasou do óso a diante
a punta bronceña; e ós ollos a sombra veu a nubrarlle.
Que se derrubou, coma torre, entre os firidos embates;
e dos pés ó caído agarrou Elefénor o grande,
o Calcodontíada, guía dos animosos Abantes;
e baixo dos tiros íao arrastrando, anhelando canto antes
por despoxalo de armas; mais pouco durou no avance:
Que o fortealentado Agénor, ó velo tirar do cadáver,
o flanco, que ó ir baixo o escudo agachado quedou vivo ó aire,
feriuno de azcona ferreña; e deixou sen vida as súas carnes.
Que a ánima deixouno; e sobre del traxín trepidante
de Troes e Aqueos armouse: coma lobos, indo ó ataque
uns de outros, batía home a home o pó ó embate.
Ó fillo alí de Antemión feriuno o Telamonida Aiante,
a Simoesio, florido mancebo, que un día á comadre,
baixando do Ida, dérao do Simeonte á marxe
a luz; pois habería seguido a mirar o rabaño ós compadres;
por tal chamábano a el Simoesio; e non houbo de darlles
pago pola crianza ós seus, que ben breve o trance
foi dos seus días, caído a lanza do vérviro Aiante:
pois, ó virlle, no peito feriuno dereito á parte
da tetiña; e por hasta o ombro o hastil lancinante
entroulle; e por o pó á terra caeu, coma chopo xigante,
que estaba crecido no fondo pradal de un húmido val,
liso, que só á punta mais altas ramas lle nacen;
que un carroceiro veuno a cortar a ferro chispante,
para bordiño con el a fermoso carro combarlle;
e el xa secándose alí do río ás marxes xace:
así a Simoesio o Antémida o hi-dos-ceos Aiante
derrubouno. Pero Ántifo a el, o da cota de esmaltes,
Priámida, arroxoulle entre a turba azagaia vibrante;
que a el marroulle, pero a Leuco, de Ulises bravo confrade,
feriuno na ingre, cando ía arrastrando un morto a outra parte;
que encima de el arrombouse; e escorreuse da súa man o cadáver.
Que, ó velo caer, a Oduseo ferveulle na alma o carraxe;
e foi, co seu casco ardente de bronce, fronte adiante,
e, xa moi cerca, parou; e ollando a parte e a parte,
lanzou relucente hastil; que os Troes, atrás retirándose,
o tiro do home esquivaban; mais non lanzou o tiro en balde,
que ó fillo bastardo de Príamo, a Democoonte, foi a darlle,
que habería de Abudo acudido, onde eguas céleres pacen:
a el Oduseo o venabre fincoulle, en dolor do confrade,
sobre da meixela; e de sen a sen pasou nun arranque
a punta bronceña; e a sombra ós ollos veu a nubrarlle;
caeu retumbando, e chascaron sobre el as armas e trastes.
E botaron atrás os do fronte, e inda Hector gloria-do-aire;
e alzaban os Dánaos grita, e de alí, arrastrando cadáveres,
de fronte avanzaban a mais. Pero Apolo aireouse, ollándolles
do alto de Pérgamo; e grito ós Troes daba a chamarlles:
¡Arriba, corcélviros Troes! ¡Non mais cedades ó embate
dos Arxivos! que non son de pedra as súas carnes,
para que o bronce afilado dos vosos tiros atallen.
Nin o fillo de Tétide belcabelina Aquiles se bate
aí na lide, que recoce a súa ira ardente nas naves.”
Tal do alcázar gritou o fero deus. E acirrou da súa parte
a filla de Zeus ós gregos, a Testinacida triunfante,
meténdose entre o tropel, onde a algún vía apoucarse.
Alí foi a Dïores o amarunceida seu ado a apresarlle:
pois xunto o nocello lasca feriulle de laxa cortante
a perna dereita, que o xefe arroxoulle dos Traces,
Piró o Imbrásida, vido a Troia de Eno no trance;
e ambos tendóns a pedra feroz e o óso a desgarre
machucoulle, os brazos tendéndolle os seus confrades,
a alma arroxando; mais veu sobre el o que lle ferira antes,
Piró, e ca súa folla segoulle o embigo, e arramalláronse ó aire
tódalas tripas; e veu ós ollos a sombra a nubrarlle.
Pero, arroxándose o outro, feriuno ó etolo Toante
no peito sobre da tetiña; e fincouse no bofe a ferraxe;
e inda sobre o Toante se botou, e a azcona vibrante
do peito arrancou, e tirou da aguda espada ó instante:
con ela ó estómago deu por metade, a alma arrincándolle;
as súas armas non puido quitar, que acudiron os homes, os traces
de-pelo-en-copete, cas súas lanzas largas en torno a gardarlle;
os cales a el, inda sendo tan forte , espléndido e grande,
rechazarono de si; e atrás foi cedendo ó embate.
Así no pó, ó pé un de outro, tendidos os pares
quedaron, guións un de Epeos broncisoantes,
de Tracios o outro. E en torno outros moitos morrían matándose.
alí nada habería na loita que en falta ou de menos botase
un home que, inda sen ferida e a salvo do bronce cortante,
se revolvera na metade e que fora levándoo Pálade
Atena collendoo de a súa man e de tiros ben o gardase:
pois moitos Troes e Aqueos o día aquel nas aces
caidos á par un de outro quedaron tesos ó aire.