jueves, 1 de febrero de 2018

RECANTOS

RECANTOS
Nota: Atopábase en estado borrador no momento do seu pasamento. Publícase sen facer ningún cambio.


Cando eres miña non quero
cando te quero non sei porqué
cando quero non sei como
como está a acontecer.

No ruru que a rula canta
por entre a fraga repite
namorarte eu ben quixera
antes que a lúa saise.

A cidade rezuma olor a gasolina
ruido de motores e ensina unha nebliña,
por embaixo do barullo o meu oido escoita
á papuxa das amoras ca sua melodia.

Chove miudiño poalla mesta
escancian deuses sobre o xestal,
da terra donda un doce orballo
e un novo día volta a empezar.

Meu corazón cantareiro
vate que vate no tempo
dos desamores que impoñen
a inxusticia io tormento.

Vánseme os ollos detras de ti
tratando de te seguir
logo recollo coma o mar as ondas
Diastole e Sistole do meu vivir

Enxergue a miña alma a chuvia
como quen enxergue a alba,
entre lusco e fusco vese
o que se vai io que acada

Miudiño e persistente
sobre a cidade de Vigo,
vai caendo lentamente
a o seu libre albedrio,
poalla mesta que ensina
que non hai o tal destino.

Si un en verdade soupera
que fai ven e que é o que erra.
Pero hai veces que errando acerta
e noutras creendo acerto tropeza.

Si unha conversa está aberta
non ten principio nin fin,
está facendo o que non está feito
é unha acción en si.


Na dúbida floresce
como na campa aluman
fachos irreberentes
na noite escura.


Canta meu corazón
cara a saida da alba,
para o día que comenza
e ás sombras que ó lonxe esvaran.


vate que vate o sentido
sobre paredes de carne
ritmo inmanente escrivindo
poema en sangue.


Quieto quixera quedarse
un dos dous e non mudarse,
pero nil mesmo arrempuxan,
cara a calquera parte.


Miudiño, miudiño,
vaise facendo iste canto
polas paredes da boca,
entónase o desencanto.



Soedade ben querida
non é triste de por si,
soedade acompañada:
vacío entre ti e min,
e entre os outros que arrodean,
esa si que é triste si.


Aburrido é o parloteo
que se repite cun fin.
¡Que non pase nada novo!,
non se vaia a descubrir
o que cobren as mentiras
tapándono-lo sentir.
Sen embargo cando un deixa
que fale a traves de si,
razón común que razona
é que amosa con vivir.
Miragre de intelixencia,
descuberta do senfín,
de medos liberadora
fluindo a través de min.
Ahí non hai aburremento
nin bocexo  nin fastío,
nin cansazo morriñento
que apouque o noso sentido.



tra-la mar deitouse o sol
retirouse pra soñar.
Berce de verdes sargazos,
arrolos de auga a compás
velan soños fuxidíos,
ondiñas veñen e van.


Arrecende a maruxía
que a baixamar nos deixou,
espalladas pola aréa
cunchas sargazos e velas,
na veiramar derramou.


Agosto tan mentireiro
ninguén vivo á recordar,
pois en vez de sol do estío
non fai mais que poallar.


Alá po-la alta montaña
tra-las cumes do Candán
dende o Ameixedo outeando
ollase un fermoso val.


Dende esta xanela que da ó sudoeste
ollando ás afastadas faldras do Candán,
onte e mais antonte cuberto de ramas
feras alimañas reinaban de seo.
Van os arrieiros de Marín cantando
por Terras de Montes camiño do viño
coas recuas das bestas subindo o Paraño
cargadas con foles pra abasto do ano.
Chegada a noitiña crebouse o silencio
co oubeo dos lobos que berran famentos;
por entre os pineiros tanxidos os ventos
semellan pantasmas laiando os tormentos
parecendo mesmo que perden o alento 
e atranca os sentidos o medo ós oubeos.
E pra escorrentar arrepíos funestos
arrancan cantares, tristeiros ailelos
e o vento dá serra traslada os lamentos
que van espallando por terras pra dentro.
Lobos nos cavorcos fican agochados,
no afastado as xentes escoitan calados,
cadencia do canto que os deixou coitados,
corazóns que quebran ós ritmos dos fados...
Pero todo eso foi onte e antonte,
hoxe tan só é, un canto afastado,
que sigo escoitando alén do Paraño
ollando ó Testeiro, mentres van cravando,
Serra do Candán, no teo lombo cravos.

O cantar do arrieiro...


Cando un be, escoita e sinte,
como o personal describe
o derredor donde el vive,
a importancia que percibe
de alegrías e sufrires


Qué é beleza
dentro de min
alguén preguntaba,
ollando a noite estrelecida
esváeseme a alma.


Toda a maña esparexendo
arrecendo a maruxía,
sales, sargazo e marisco ( e cunchas)
sementando pola ría.


Mariñeiros da baixura
ó axexo fostes pescar
miraba por vos a lúa
enchida a esvarar pola mar.



Sixilosamente actúa case como norma
na contra daqueloutros que nunca se conforman
co que está mandado dende enriba, dende a estancia
en onde iles tratan de nos dirixir as almas.
Sempre a xente irreverente accionando cas palabras,
desgarrandolles a face, vella e nova tras nombrala,
dos disfraces nos que esconde todo poder a sua trama.
Ás veces o señorío con activa indiferencia
facendo burla da xente esconde a maledicencia
que con saña sibilina emponzoña pola vila
esparcindo dende enriba con marmurios e desidia
tenebrosos desenlaces para as arcas
de múrgaras e gárbilos que atrancan
con duros cerrollos, ás usureiras almas.



Para a Pili dos silencios
cando en calma,
agurgulla suavemente a sua aura
enchendo a estancia
de aromas de placidas fragancias
e de apenas bisbiseos de sorrintes silabeos
que van alegrando o ambiente
e consiguen ir levando docemente
o día a día, que nace e morre, continuamente.

Recoñecer en un
a torpeza do mandado,
humildemente facer ver,
o caos tan ordenado
que me conmina ó ser

Iste modo de cantar é xa tan vello
que soles e luas pasar xa puideron
dende que alà nas Jonicas cantara
recollidas dos aedos o rapsoda Omero




A néboa é mesta e so se ollen leves ondas a compas
deste corazón que late imanente son da mar.
De preto traen os ventos axirir do cormorán,
aletexos sobre as augas, ondiñas veñen e van.

Eu vagando pola area, o horizonte da man,
poalla mesta recubre de sombras o litoral,
vagas illas, rouco canto,rompendo nos cons a mar
devalando cara a dentro ecoando no esvarar.

En min rebulen palabras querendo deixar falar
sentimentos pola boca na linguaxe orixinal,
e mudo quedo pra fora, pra dentro quedo a escoitar
á linguaxe razóante no seu puro conversar.




Soños de outono:

Soñando antonte atopeime
con Mininis na Civeive,
conversando alegremente
cas mozas que docemente
van pasando lentamente
a carón das nosas faces,
que rezuman abordaxes
de paixóns en onde nace
doce arrecendo que bate,
contra fronteiras xurdidas                                     -
po-las represións vertidas
daqueles que creen que saben
qué é amor e onde aniña.
Mocidade convulsiva
sempre lambendo a ferida,
desleándoselle a alma,
abrevando dores vivas,
que gurgullan na Sanguiña
entre as augas cristaíñas.
Dores e alegrías bailan,
ó mesmo compás camiñan,
mozos e mozas danzando
ríndose cantando e vibran,
cravándosenos nas almas
para alegrarnos as vidas.
Pois son as festas das Dores
cheas de bandas e soles.
De gaiteiros de punteiros
de buxo e roncos soando,
tons e sons van proclamando
alegrías pola vila,
pasarruas polas bandas,
alboradas que se espallan
entre as casas provocando
gozos nas xentes inxentes
que falan saben e labran.
Amarelan longas leiras,
barbudos millos cortados;
canas cortas de ocos duros,
agros recen seiturados.
Sombras de serán de outono
sobor da terra deitando,
ollo de luz que se tumba
mansamente cara un lado,
deixándonos sensacións
que non damos nomeado,
pero que viven sentindo
corazóns que hai latexando.
Balbordo de romaría,
foguetes de cinco estalos,
algarabía de soños
que espertan tódolos anos.

























No hay comentarios:

Publicar un comentario